DESTACADOS
A campaña na que se enmarca este Segundo estudo sobre o nivel de seguridade de menores na rede busca formar, educar e concienciar en seguridade de internet tanto a pais e nais como a menores e profesorado. Na súa primeira edición, recibiu case un millón de visitas ao sitio web, e déronse charlas a aproximadamente 1.500 adolescentes en colexios de toda España e nas propias instalacións de Panda Security. Esta campaña contén material didáctico e consellos prácticos para gozar de forma saudable e segura das grandes vantaxes que ofrece a rede. Neste segundo estudo enquisouse a 2.000 mozos e mozas de entre 10 e 20 anos, así como a 2.510 pais con fillos e fillas de idades comprendidas entre os 8 e os 18 anos de cinco cidades españolas: Barcelona, Bilbao, Sevilla, Madrid e Valencia.
Principais conclusións
Entre as principais conclusións que se poden extraer do informe, destaca que o 30 % da xuventude se amosa preocupada polo contacto con descoñecidos a través de internet, pero un de cada tres acepta invitacións de descoñecidos a través de redes sociais e mensaxería.
Por outra banda, o 99 % das persoas enquisadas utiliza algunha rede social ou sistema de comunicación directa por internet. Non obstante, tan só o 47 % dos proxenitores sabe se os seus fillos pertencen a algunha rede social, e a cal.
En canto á formación, o 56 % da xente nova non recibiu ningún tipo de formación ou información acerca de internet de parte dos seus pais, aínda que o 79 % dos pais afirma falar cos seus fillos sobre os perigos de internet. En xeral, tanto uns como outros manifestan, na súa maioría, saber como protexerse fronte aos perigos da rede.
Ademais, cando se achega o verán, os menores pasan máis tempo na rede, polo que crece o risco en canto á seguridade en internet.
Contacto con persoas descoñecidas
Un de cada tres adolescentes confirma que contactou con descoñecidos a través de internet, maioritariamente en redes sociais. Con todo, un 30 % declara estar preocupado por este mesmo feito, xa que o cualifica de actitude de risco. En canto á distribución rexional, a xuventude catalá é a que se confesa máis atrevida á hora de contactar con descoñecidos; os valencianos, en cambio, son os máis precavidos.
Tanto pais como fillos perciben que contactar con xente descoñecida constitúe a principal ameaza da rede para a xuventude, seguida por ser afectado por un virus e por sufrir perdas de información dalgún tipo. As rapazas son un pouco máis atrevidas á hora de aceptar contactos descoñecidos, aínda que a diferenza é só dun punto porcentual (o 67 % dos homes, fronte ao 68 % das mulleres).
Uso das redes sociais
No relativo ao uso das redes sociais, constátase que están cada vez máis de moda, son divertidas e unha ferramenta de socialización, pero entrañan, ao mesmo tempo, unha serie de riscos que non podemos ignorar, tales como:
O 99 % da xuventude enquisada, con idades comprendidas entre 10 e 20 anos, afirma utilizar algunha das redes sociais máis populares, como Messenger ou Facebook. Pola súa parte, só o 47 % dos pais ten coñecemento de que os seus fillos e fillas formen parte destes sitios de encontro na rede, pero en moitos casos descoñecen a cal pertencen ou cales son os seus perfís.
Seguridade na rede
O 83 % da xente nova confía na súa seguridade na rede. A sensación de seguridade é xeneralizada, tanto para pais (o 72 % afirma saber como estar protexido) como para nenos (o 83 % afirma sentirse seguro na rede). Barcelona e Valencia son as cidades en que a xuventude se sente máis segura navegando por internet.
Só o 44 % declara que recibiu formación sobre como utilizar internet de forma segura, o que contrasta coas afirmacións dos pais, xa que o 79 % afirma que falou de seguridade cos seus fillos. O 74 % da mocidade española di coñecer como protexerse en internet. Por cidades enquisadas, Barcelona é a cidade na que máis xuventude sabe como protexerse en internet: o 98 %.
Frecuencia de conexión a internet
Polo que respecta á frecuencia con que os menores se conectan a internet, a media é de todos os días. Por cidades enquisadas, en Barcelona o 97 % da xuventude conéctase todos os días, fronte ao 37 % da xente que accede a diario en Madrid.
Uso de internet
En canto ao uso de internet, os menores consultados utilizan principalmente as redes sociais, aínda que tamén lle segue de cerca a busca de información para facer os deberes, chatear, ler información e consultar o correo electrónico. No referente aos pais, o 89 % emprega internet para buscar información, seguido de como ferramenta de traballo e para ler o xornal.