DESTACADOS
A análise da situación real do mercado do software de fontes abertas (SFA) durante o ano 2009, realizouse a partir dunha enquisa a cento corenta e unha empresas provedoras de SFA. A principal conclusión que se pode extraer deste informe é o feito de que aínda que hai empresas que comercializan exclusivamente produtos de software de fontes abertas, a maioría delas comparte esta actividade coa comercialización de software privativo.
De entre as empresas que ofrecen únicamente SFA, a maior parte son pemes que xeran os seus ingresos grazas a servizos complementarios de desenvolvemento para o SFA, formación ou mantemento.
Con respecto ás grandes empresas, o máis frecuente entre elas é que combinen software privativo con SFA. Porén, espérase que a porcentaxe deste último aumente nos próximos anos.
Outro dato relevante que cómpre salientar é o feito de que practicamente o total das pemes e o 100% das grandes empresas mostrou a súa intención de continuar comercializando software de fontes abertas.
A situación do mercado español de SFA correspóndese en todos os casos coa equivalente mundial. Os estados de desenvolvemento desta tecnoloxía son variables segundo o tipo de software ao que nos refiramos, mais as empresas españolas mostran estar á altura do resto do mundo.
Clasificadas en seis módulos, as preguntas da enquisa pretendían ofrecer unha imaxe real da situación do mercado do SFA, polo que se analizaban os seguintes ámbitos: produción/comercialización do software de fontes abertas; actividades innovadoras en software de fontes abertas; estratexias de comercialización das empresas con actividades en software de fontes abertas; financiación das empresas con actividades en fontes abertas; necesidades formativas das empresas en relación ao software de fontes abertas e relación coas comunidades de desenvolvemento.
Produción/Comercialización do software de fontes abertas
Entre as grandes empresas comercializadoras de SFA só o 25% ofrece esta tecnoloxía en exclusiva; o 75% restante compártea coa comercialización de software privativo. Nas pemes, as porcentaxes son de 40% e 60% respectivamente.
Con respecto ao grao de satisfación das empresas en relación coa comercialización de SFA, o 100% das grandes compañías e o 98% das pemes aseguraron que seguirán con esa actividade no futuro, mostrando así o seu agrado con elas e dando indicios do futuro prometedor que lles agarda.
Para as pemes, o negocio derivado da comercialización do SFA supón un 69%, mentres que esta porcentaxe é inferior no caso das grandes empresas, situándose no 49%.
En canto ao tipo de software, as ferramentas SFA máis ofrecidas polas pemes son servidores web (69%), traballo colaborativo (61%), servidor de ficheiros (60%) e sistemas de xestión de bases de datos (57%). Nas grandes empresas, a oferta de software é maior, pero a excusividade das ferramentas SFA é menor, debido a que se comercializan xunto con solucións de software privativo. Aínda así, as ferramentas SFA máis ofrecidas polas grandes compañías son sistemas operativos de servidor (79%), sistemas de xestión de bases de datos (68%), servidores web (67%) e servidor de ficheiros (63%).
Actividades innovadoras de software de fontes abertas
O 89% das grandes empresas e o 76% das pemes están realizando actualmente labores de investigación sobre SFA. Con esta porcentaxe, pódese intuír que o software de fontes abertas conta cun futuro prometedor por diante.
Nas grandes empresas, o 28% basea máis do 50% en SFA, mais esta porcentaxe elévase ata o 40% no caso das pemes.
O ámbito das tecnoloxías da información e da comunicación é o que máis esforzo en I+D recibe. A diferenza é que a maior parte das pemes se centra nel e traballan pouco nos demais, mentres que as grandes empresas continúan invertindo no resto dos ámbitos.
Estratexias de comercialización con actividades en software de fontes abertas
Os principais beneficios que as pemes atoparon para comercializar SFA foron o acceso ao código fonte (92%), os estándares e procesos abertos (90%), e menor coste de licencia e TCO (89% e 88% respectivamente).
Para as grandes empresas, os principais beneficios foron o menor ou nulo coste de licencia (90%), acceso ao código fonte e TCO (85%) e estándares e procesos abertos (80%).
Con respecto ás vías de comercialización do SFA, internet foi escollido como a principal opción polo 35% das pemes e o 40% das grandes empresas. Para as pemes, no segundo lugar estarían os partners de negocio, considerados moi importantes para o 27% e no terceiro lugar, o contacto con asociacións, importante para o 24% das pemes e moi importante para o 15% delas. Nas grandes empresas, as redes comerciais son moi importantes para o 42% e os partners de negocio para o 32%.
Financiación das empresas con actividades en software de fontes abertas
A financiación propia é a principal fonte de financiación para o 75% das grandes empresas e o 55% das pemes.
As subvencións de entidades e organismos públicos constitúen a segunda fonte de financiación para as empresas provedoras de SFA. O 36% das pemes e o 40% das grandes empresas reciben esas axudas das administracións autonómicas e locais. Con respecto á Administración Xeral do Estado, as porcentaxes son de 23% e 30% respectivamente.
Necesidades formativas das empresas en relación co software de fontes abertas
A dificultade de atopar profesionais en cada tipo de software de afontes abertas é proporcional á madurez de cada un deses tipos de software no mercado. Porén, as pemes tiveron menos problemas á hora de atopar un profesional que as grandes empresas debido á maior concentración de SFA nas pemes.
As áreas nas que as empresas tiveron maior dificultade á hora de atopar un profesional foron a seguridade, a integración e middleware, e as aplicacións de negocio. En concreto, foron o 50% das grandes empresas e o 30% das pemes.
Para solucionar esas deficiencias, o 71% das pemes e o 89% das grandes empresas realizan actividades de formación interna de profesionais sobre SFA. Porén, as pemes invirten unha maior parte do seu presuposto en actividades de formación do que as grandes empresas (61% e 54% respectivamente).
Relación coas comunidades de desenvolvemento
A colaboración coas comunidades é moi importante no ámbito de desenvolvemento de software. Para as empresas, a vía de contribución máis importante é compartir experiencias (escollida polo 85% das grandes compañías e o 57% das pemes), seguida da proba de software beta e reporte de erros (52% das pemes e 75% das grandes empresas). O terceiro lugar é diferente para as pemes (que optan pola participación en foros e a compartición do código) e as grandes empresas (que preferen a participación en blogs e a compartición do código).