DESTACADOS
O obxectivo principal da enquisa a partir da que se elaborou este Informe sobre o estado da arte do software de fontes abertas foi analizar a implantación e o uso das tecnoloxías baseadas en software de fontes abertas na empresa española. Para iso, incluíronse unha serie de criterios coma a financiación, a estratexia de implantación ou a satisfación (entre outros).
Unha das conclusións que se poden extraer do informe é o comportamento diferente segundo a tipoloxía da empresa. As grandes compañías contan con política e departamentos de informática propios, aínda que o software usado é principalmente privativo, porque é o máis estendido no mercado. No caso das pequenas empresas, o uso de software é moi limitado (non sendo imprescindible para a súa actividade produtiva); non contan con departamento de TI e de empregaren software, este é principalmente privativo.
Porén, é nas medianas empresas onde se atopa a maior aceptación de tecnoloxías baseadas en software de fontes abertas e o maior coñecemento sobre elas. Aínda así, os resultados neste grupo son moi variados. Polo xeral, as medianas empresas contan cun departamento de tecnoloxías informáticas, pero este pode ser de moi diferente tamaño dependendo das características da compañía.
Para facer unha análise completa da situación do SFA nas empresas españolas, as preguntas dividíronse en seis bloques diferentes, que se analizan detalladamente a continuación.
Utilización dos software de fontes abertas
As aplicacións de software de fontes abertas máis utilizadas entre as grandes empresas son os servidores web (50%) seguidos moi de preto polos sistemas operativos e o software de desenvolvemento de aplicacións (usadas polo 47%). Con respecto ás pemes, son os sistemas de xestión de bases de datos as aplicacións máis usadas (66%) xunto cos sistemas operativos e os servidores web (61%). Na maioría dos casos, as empresas atópanse satisfeitas con estes produtos e moitas delas planean incluso comezar a utilizar novos servizos de SFA.
Como se pode comprobar, son as pemes as que amosan un maior uso do software de fontes abertas. Con respecto ás previsións para o próximo ano, as grandes empresas esperan aumentar a porcentaxe de uso de SFA en dous puntos, ata acadar o 16%; porén, as pemes esperan manterse no 33%.
Por sectores de actividade, destacan os servizos, onde o uso de software de fontes abertas supón o 36% do total do software instalado nas pemes e o 21% do total do software das grandes empresas. Entre as pemes destaca o sector da industria e a construción cunha penetración dun 31%.
Financiación dos proxectos de software de fontes abertas
A primeira conclusión extraída desta parte do informe revela que a financiación propia é a principal fonte de financiación para as actividades de fontes abertas, cun 53% para as grandes empresas e un 54% para as pemes.
No caso da financiación procedente doutras empresas españolas, esta chega da man de empresas do mesmo grupo para as grandes compañías (28%); mentres que a financiación das actividades das pemes procede de empresas privadas ou asociacións de investigación (14%). As subvencións son a segunda grande fonte de financiación, sobre todo para as pemes, que son as que se benefician en maior medida delas.
Con respecto aos orzamentos, pódese comprobar que como consecuencia da situación económica actual, as empresas reduciron a cantidade destinada ás áreas de TI aínda que esta tendencia está comezando a invertirse. As grandes empresas optan por manter nun 4% a cantidade destinada a TI, mentres que as pemes teñen intención de aumentar o orzamento para TI dun 19% a un 28%.
Por sectores, as grandes empresas do sector servizos son as que máis orzamento destinan para TI (6%). As pemes destinan cantidades maiores tanto no sector servizos, coma no financeiro e na industria e construción, un mínimo dunha quinta parte do orzamento total.
Motivacións para o uso do software de fontes abertas
En relación cos motivos que levan ás grandes empresas a usar SFA, en primeiro lugar, cun 91%, atópase a gratuidade das licencias que permiten o seu uso; en segundo, o acceso ao código fonte (88%) e en terceiro lugar, o menor custo total da propiedade das sociedades SFA (78%).
Os resultados obtidos das pemes son moi similares aos das grandes empresas. O principal motivo para usar SFA é a gratuidade das licencias (84%), seguido do menor custo total da propiedade (79%), os estándares de procesos abertos (77%) e o acceso ao código fonte (77%).
Os principais elementos que grandes empresas e pemes coinciden en sinalar como barreiras para adoptar SFA son: incertidume respecto á calidade do soporte e mantemento (84%), risco de abandono do proxecto (81%), falta de formación do usuario final (78%) e existencia do software privativo preinstalado coa mesma finalidade (78%).
Por sectores, o financeiro sempre foi o máis reacio a instalar software de fontes abertas, aínda que a Enquisa de uso de TIC e Comercio Electrónico mostra un aumento de seis puntos con respecto aos datos de uso de SFA do ano anterior.
Estratexia de implantación de Software de Fontes Abertas
Antes de comprar outras solucións, un 63% das grandes empresas e un 80% das pemes valoran as opcións SFA, polo que podemos comprobar que independentemente dos resultados finais da enquisa, hai unha intención de introducir cada vez máis software de fontes abertas entre as opcións a avaliar polas empresas.
Despois, un 38% das grandes empresas e un 41% das pemes identifican riscos de propiedade, licenciamento, etc. relativos á utilziación do software libre.
Por último, un 46% das pemes recoñece ter unha estratexia de SFA para toda a empresa. Dese 46%, un 43% recorreu a asesoramento profesional para poñela en marcha. No caso das grandes empresas, as porcentaxes son inferiores: só un 13% ten unha estratexia de SFA para toda a empresa e unha de cada catro recorreu a asesoramento profesional.
No tocante á forma en que se adquire e implanta o software de fontes abertas nas empresas, para un 44% das grandes empresas e un 39% das pemes o procedemento máis utilizado é a adaptación interna. Porén, a diferenza prodúcese nos seguintes casos. Nas grandes empresas, a adaptación externa (19%) e a adquisición comercial (16%) superan á descarga directa (9%), que no caso das pemes supón un 34%, á que seguen a adquisición comercial (11%) e a adaptación externa (5%).
A análise por sectores determina que no sector servizos a descarga directa e a adaptación interna supón o 50% no caso das grandes empresas e un 42% no das pemes. No sector da industria e construción, a descarga supón un 43% nas pemes e case un terzo nas grandes empresas.
Con respecto ás empresas provedoras de SFA, as grandes empresas afirman ter máis problemas á hora de atopalas que as pemes.
Aforro de custos derivado da utilización de software de fontes abertas
O 59% das pemes e o 41% das grandes empresas experimentaron unha redución de custos derivada do uso de software de fontes abertas.
No sector da industria e construción é onde se experimentou unha maior redución, recoñecida por un 86% das pemes. Porén, só unha quinta parte das grandes empresas deste sector afirmou notar ese aforro. No resto de sectores, as diferenzas entre pemes e grandes empresas é menor, pois un 56% das pemes e un 42% das grandes empresas dos servizos recoñeceron un maior aforro e, no caso do sector financeiro, as porcentaxes son dun 50% para as pemes e un 60% para as grandes empresas.
O aforro do gasto en TI foi cuantificado nun 34% polas pemes e nun 21% polas grandes empresas. Por sectores, para as grandes empresas, o aforro equivale a 35% e a 38% para as pemes no sector servizos, polo que se converte no sector no que máis aforro se produciu. No extremo oposto está o sector da industria e a construción, onde as grandes empresas sitúan nun 2% a redución do gasto, mentres que as pemes estímano nun 28%.
Nivel de satisfación das empresas derivado do uso de software de fontes abertas
Máis da metade do total das empresas enquisadas recoñece estar satisfeita co uso de SFA. A porcentaxe é dun 59% para as grandes empresas e un 46% para as pemes. Cómpre salientar tamén que existe unha alta porcentaxe (22% de grandes empresas e 32% de pemes) que afirman estar moi satisfeitas. Tan só un 3% das grandes empresas e un 5% das pemes di sentirse pouco satisfeitas. Estes datos serven para ver que o SFA é unha opción moi ben aceptada no tecido empresarial e ten un futuro prometedor en fronte.