DESTACADOS
A Entidade Pública Empresarial Red.es, adscrita ao Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, a través da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información convoca as axudas para colaborar na terceira extensión do Programa NEW (Ningunha empresa sen Web) co obxectivo de incrementar a presenza en internet das pemes españolas.
Os axentes do sector das TIC seleccionados como colaboradores deberán ofrecer ás pemes, nos termos establecidos nas condicións da invitación, paquetes comercias de servizos de presenza en internet sinxelos e económicos, que lles resulten atractivos, xunto a unhas accións de sensibilización para chegar ao maior número posible de empresas.
Os paquetes que os colaboradores deberán ofrecer terán que ser de tres tipos: un básico para as empresas que aínda non teñan conexión a internet; un máis completo para as aquelas que queiran aumentar a súa presenza na rede e cupóns gratuitos para probar a publicidade electrónica gratis, que acompañarán a ambos os dous paquetes.
Os axentes do sector das TIC que queiran aspirar a colaboradores no Programa NEW III deberán presentar a correspondente solicitude e aceptar os termos da invitación.
O Programa NEW
O Programa NEW inclúese no conxunto de actividades que o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio levou a cabo a través do Plan Avanza co obxectivo de desenvolver a sociedade da información e do coñecemento en España. Concretamente, o Programa NEW correspóndese ao segundo dos cinco eixes de actuación, chamado “Capacitación TIC” que busca incorporar masivamente os cidadáns e as empresas á sociedade de información.
A necesidade dun conxunto de actuacións como as que inclúe NEW veñen marcadas polos resultados obtidos nunha enquisa elaborada polo Instuto Nacional de Estatística sobre o uso de TIC e comercio electrónico nas empresas 2008-2009. Este estudo concluía que só un 21,9% das empresas españolas de menos de 10 empregados ten conexión a internet e páxina web. A procentaxe ascende ata o 58,9% no caso das empresas de 10 ou máis empregados.
En comparación co resto de Europa, a presencia en web das pemes españolas (54%) é inferior á media europea (64%) e á de países como Grecia (60%) ou Italia (58%) tal e como mostra o indicador europeo de presenz web.
As medidas do Programa NEW, que incluían accións de asesoramento e difusión entre as pequenas e medianas empresas españolas para conseguir que adoptasen páxinas web, tiveron a súa primeira edición entre setembro de 2007 e marzo de 2008 e a segunda entre outubro de 2008 e xuño de 2009.
Debido ao éxito conseguido ao abeiro das dúas primeiras edicións do Programa NEW, mediante as que 61.000 empresas crearon a súa páxina web (24.000 na primeira edición e 37.000 na segunda), decidiuse darlle continuidade ao programa.
As accións do programa NEW III estarán orientadas a sensibilizar as pemes sobre os beneficios da súa presenza en internet a través dunha páxina web, un correo electrónico con nome de dominio propio ou publicidade electrónica. As medidas ordenaranse en torno a tres eixos de actuación: difusión do Programa NEW, liña telefónica de asesoramento e acordos con axentes do sector TIC que facilitarían o acceso a internet cos medios necesarios.
Condicións de participación como colaborador no Programa NEW III
Poderán participar todas as entidades que ofrezan os servizos descritos na convocatoria da invitación e conten cunha experiencia mínima dun ano na prestación destes. A duración da prestación será dun ano no caso dos lotes referidos á maior presenza en internet con posibilidade de renovación por outro ano adicional nos mesmos termos que a oferta orixinal. No correspondente á publicidade electrónica, o servizo será puntual e por petición das pemes durante o período de vixencia do programa (outubro-decembro 2010).
Obrigas dos colaboradores
Entre as obrigacións dos colaboradores atópanse: ofrecer un centro de atención a usuarios para favorecer a comunicación entre as empresas e os colaboradores e asesorar sobre os produtos ofertados; un plan de difusión propio que complemente o desenvolvido por Red.es para promover o Programa NEW III; posuír un micrositio web específico do Programa NEW III onde aparezan os servizos ofrecidos polo colaborador ao abeiro do devandito programa e enviar información periódicamente a Red.es sobre as vendas realizadas.
Solicitudes
As empresas poderán presentar as súas solicitudes para un ou máis lotes e poderán ser seleccionadas (previa presentación da solicitude e documentación correspondente) para prestar servizo nun ou máis lotes.
As solicitudes serán avaliadas segundo un sistema de puntuación conforme a unha serie de criterios de valoración.
Os colaboradores deberán ofertar a contratación dos servizos de maior presenza na rede e do resto de servizos entre día 15 de outubro de 2010 e o 31 de decembro de 2010. En función dos resultados obtidos durante o devandito período, Red.es poderá prorrogar este prazo de contratación de servizos.
Coa presentación da solicitude á invitación de colaborador con Red.es para aumentar a presenza das pemes españolas en internet, as empresas aceptan que a Entidade Pública Empresarial poida utilizar os seus logotipos, marcas e símbolos nas actuacións realizadas no marco do programa. O colaborador terá a obriga de difundir a súa participación no programa, mais só poderá utilizar o símbolo de Red.es se esta entidade así o autoriza. O mesmo acontecerá cos comunicados de prensa, que deberán ser enviados a Red.es antes da súa publicación para obter o seu visto e prace.
Admisión de solicitudes e suspensión da colaboración
Red.es resérvase o dereito a non aceptar unha solicitude se, a xuízo da entidade pública, esta non contribúe para a difusión do programa e conseguir os seus obxectivos. Así mesmo, resérvase o dereito de cancelar temporal ou definitivamente unha colaboración se o colaborador incumpre as súas obrigas ou realiza accións contrarias ao programa ou aos intereses de Red.es.
No caso de que o colaborador renuncie ou perda esa condición Red.es non estará obrigada a restituírlle os gastos que este realizara no tocante ás actuacións do Programa.
Prazo para a recepción das propostas
As solicitudes de participación deberán presentarse antes das 13 horas do día 14 de setembro incluíndo dous xogos de documentos en formato papel e dous en formato electrónico redactados integramente en castelán. Red.es poderá pedir a presentación de documentación complementaria para verificar a veracidade dalgúns termos da proposta ou para aclarar algún punto que presente dúbidas.
As solicitudes poderán presentarse nas oficinas de Red.es (Edificio Bronze, Praza Manuel Gómez Moreno s/n, 28020, Madrid) ou por correo certificado.
A documentación recibida despois da data límite non será aceptada.
Documentación que hai que presentar
- Solicitude de colaboración (Anexo I da Convocatoria oficial de Invitación) debidamente cuberta, asinada e visada.
- Declaración responsable da experiencia requerida para a prestación dos servizos
- Documento de Requisitos Técnicos do Colaborador (Anexo II.1 da Convocatoria Oficial da Invitación para Lote 1; Anexo II.2 para Lote 2 e Anexo II.3 para Lote 3).
Subscrición do convenio de colaboración
Unha vez seleccionado como colaborador para o Programa NEW III, a empresa en cuestión deberá subscribir o Convenio de Colaboración que se inclúe como anexo III da Convocatoria de Invitación.