Só o 30 % dos usuarios de teléfonos móbiles fai copia de seguridade dos seus datos, segundo un informe de Inteco
O Observatorio da Seguridade da Información de Inteco (Instituto Nacional de Tecnoloxías da Comunicación, SA) publica o Estudio sobre la seguridad de las comunicaciones móviles e inalámbricas en los hogares españoles (informe anual 2009). Este informe revela a percepción que os españois teñen sobre hábitos de uso das comunicacións móbiles e sen fíos, medidas de seguridade utilizadas e, no caso da telefonía móbil, sobre incidencias de seguridade sufridas. Ademais, a realización de enquisas periódicas ao longo de 2009 permite obter unha perspectiva sobre a evolución da situación.
Metodoloxía
O estudo elaborouse a partir dun panel en liña composto por fogares españois con conexión a internet. A análise deste panel inclúe enquisas periódicas a usuarios de internet españois maiores de 15 anos e que se conectaron desde o fogar, polo menos, unha vez ao mes.
O período analizado comprende o ano 2009, tempo durante o cal se realizaron 14.264 enquisas, con periodicidade trimestral.
Teléfono móbil. Extensión e prestacións
O teléfono móbil está presente en practicamente a totalidade da poboación (97,6 % dos españois enquisados). Estes dispositivos cada vez son máis potentes e presentan maiores capacidades.
Entre estas capacidades destaca como a máis frecuente durante o cuarto trimestre de 2009 o bluetooth (presente no 90,2 % dos teléfonos móbiles), con tendencia crecente ao longo de todo o ano. Tamén é frecuente a dispoñibilidade de conexión a internet (73,1 % dos enquisados con teléfono móbil) e, en menor medida, a incorporación de wifi (31,5 %).
Teléfono móbil. Hábitos de uso
Os teléfonos móbiles non están exentos de sufrir problemas de seguridade. Por iso, segundo os datos das enquisas, o 61,4 % dos propietarios de teléfonos móbiles con bluetooth afirma ter o hábito seguro de acendelo unicamente cando o vai utilizar, porcentaxe que se viu lixeiramente incrementada durante o ano 2009.
Outro hábito como o uso do teléfono móbil para acceder ao correo electrónico tamén aumentou durante o ano 2009, alcanzando un 21,8 % da poboación.
Teléfono móbil. Medidas de seguridade utilizadas
Segundo o informe, o uso de PIN ou código de seguridade de catro díxitos establécese como a medida de seguridade adoptada por un maior número de usuarios de teléfonos móbiles, con notable diferenza con respecto ao resto de medidas. En concreto, no cuarto trimestre de 2009, esta medida de seguridade foi utilizada polo 89,7 % da poboación con teléfono móbil, porcentaxe que se viu lixeiramente aumentada con respecto a comezos de ano.
Outras medidas de seguridade adoptadas polos usuarios, por orde de importancia, son a copia de seguridade de datos do teléfono móbil como contactos, arquivos, imaxes etc. (30,2 % dos usuarios de teléfono móbil); o bloqueo do terminal con contrasinal tras un período de inactividade (17,0 %) e a instalación dun programa antivirus (2,4 %). En cambio, o 7,7 % dos enquisados afirma non utilizar ningunha medida de seguridade no seu terminal.
Teléfono móbil. Incidencias de seguridade
No cuarto trimestre de 2009, o 65,6 % dos enquisados afirmaba non sufrir ningunha incidencia de seguridade co seu teléfono móbil nos últimos tres meses.
As incidencias de seguridade percibidas como as máis habituais son, por orde de importancia, o extravío do terminal (19,2 %), o roubo (17,3 %), a fraude (5,0 %) e a presenza de virus ou malware (3,8 %). Todas elas presentaron unha evolución descendente durante 2009, salvo a presenza de código malicioso no terminal, a cal se viu lixeiramente incrementada con respecto ao nivel alcanzado no principio do ano.
Redes sen fíos wifi. Extensión
En xeral, o uso de redes sen fíos wifi crece ao longo do ano 2009, tanto de conexións propias (router) como de redes públicas ou de redes doutro particular (amigo, veciño etc.).
En concreto, no cuarto trimestre de 2009, o 62,8 % dos usuarios conectouse a través da súa propia conexión wifi, mentres que o 12,5 % o fixo a través dunha rede pública (bibliotecas, aeroporto, etc.) ou o 6,9 % que se conectou a través da rede doutro particular.
Redes sen fíos wifi. Hábitos no uso
Analizando os hábitos de uso das redes sen fíos wifi, os datos revelan que o 53,0 % dos enquisados recoñece que se conecta a redes públicas sempre que o necesita. En cambio, un 34,4 % unicamente o fai para realizar determinadas operacións e un 12,6 % só se a rede ten acceso mediante contrasinal.
Redes sen fíos wifi. Medidas de seguridade utilizadas
Segundo o informe, o protocolo WEP establécese como a medida de seguridade máis utilizada polos usuarios de redes sen fíos wifi (30,5 %), por diante do protocolo WPA (24,5 %). Esta última medida de seguridade é a recomendada, xa que emprega un cifrado de clave dinámico, en lugar do cifrado de clave estático utilizado polo protocolo WEP.
O 28 % dos usuarios enquisados afirma ter protexida a súa rede, aínda que descoñece o protocolo que utiliza para iso. O 9,6 % non sabe se a súa rede está protexida e o 7,4 % afirma non protexela.
Comparte esta información





