DESTACADOS
As TIC son unha importante fonte de produtividade, innovación e crecemento. Ademais axúdannos a incrementar a nosa competitividade e crear emprego. Calcúlase que por cada millón de euros investido en sociedade da información se xeran ata 33 postos de traballo directos e indirectos. Conforme os cálculos realizados pola Comisión Europea, as TIC achegan ao redor do 25 % do crecemento económico da UE.
A Estratexia 2011-2015 como parte do Plan Avanza 2
O Plan Avanza xurdiu da necesidade de xeneralizar o uso e o impacto das novas tecnoloxías na economía e a sociedade e constituíuse como un dos eixes clave do Programa Enxeño 2010.
Unha vez alcanzados unha boa parte dos obxectivos do Plan Avanza, e debido á necesidade de seguir avanzando cara a unha sociedade do coñecemento, o 30 de xaneiro de 2009 presentouse ante o Consello de Ministros o Plan Avanza 2. Esta segunda etapa dá continuidade ao Plan Avanza, incorporando as actuacións en execución e actualizando os seus obxectivos iniciais. Un dos principais obxectivos do Plan Avanza 2 é contribuír ao cambio de modelo económico de España a través das TIC, xa que a xeneralización do seu uso permite e permitirá un incremento da competitividade e a produtividade, ademais de favorecer a igualdade de oportunidades, dinamizando a economía e consolidando un modelo de crecemento económico sostible. No Plan Avanza 2 defínense cinco eixes estratéxicos de actuación: infraestruturas, confianza e seguridade, capacitación tecnolóxica, contidos e servizos dixitais e desenvolvemento do sector TIC.
Tras a presentación do Plan Avanza 2 no ano 2009, no presente documento identifícanse os retos aos que se enfronta España no ámbito das TIC e concrétase a acción estratéxica para o período 2011-2015, estratexia que como tal non está vinculada a uns orzamentos concretos senón que marca unhas prioridades que se adoptarán e desenvolverán dentro do marco orzamentario que se vaia aprobando anualmente.
No proceso de elaboración desta Estratexia, é necesario destacar o consenso que suscitou entre as forzas políticas. O 21 de decembro de 2009 o Senado aprobou por unanimidade un documento de propostas que foron incorporadas integramente nela. Deste xeito, a Estratexia enmárcase dentro das iniciativas que se están elaborando no ámbito europeo.
Obxectivos da Estratexia 2011-2015
A Estratexia 2011-2015 do Plan Avanza 2 vai centrar os seus esforzos na consecución de dez obxectivos concretos que facilitarán a superación dos retos definidos:
1. Promover procesos innovadores TIC nas administracións públicas para poñelas ao servizo da cidadanía e as empresas.
2. Estender as TIC na sanidade e o benestar social. As tecnoloxías poden facilitar a vida independente mediante a creación de espazos intelixentes baixo o paradigma ―Vida Asistida ao Contorno. Estas deben ser capaces de identificar a un usuario e adaptarse ás súas necesidades de forma non intrusiva.
3. Potenciar a aplicación das TIC ao sistema educativo e formativo. A introdución das TIC no ámbito educativo debe entenderse como unha aposta estratéxica e continua pola innovación pedagóxica, integrándoas nas actividades cotiás de ensinanza e aprendizaxe para asegurar a familiarización dos cidadáns coas novas tecnoloxías e tendo en conta a diversidade dos alumnos.
4. Mellorar a capacidade e a extensión das redes de telecomunicacións para que soporten o desenvolvemento da sociedade da información, incorporando redes ultrarrápidas tanto fixas como móbiles.
5. Estender a cultura da seguridade da información entre a cidadanía e as empresas, de xeito que se xere unha maior confianza na adopción e uso das TIC.
6. Incrementar o uso avanzado de servizos dixitais pola cidadanía, participación en redes sociais, comunidades virtuais, comercio electrónico, e utilización da identidade dixital.
7. Estender o uso de solucións TIC de negocio na empresa, en concreto o comercio electrónico, factura electrónica, especificación de requisitos de software (ERP), relación cliente-empresa (CRM), propiciando os procesos innovadores.
8. Desenvolver as capacidades tecnolóxicas do sector das TIC, o cal produce un impacto significativo na economía, non só desde o punto de vista da contribución das súas empresas ao produto interior bruto e o emprego, senón tamén como plataforma e facilitador de procesos de transformación e de creación de emprendementos innovadores noutros sectores e ámbitos da economía.
9. Fortalecer o sector de contidos dixitais, que ostenta un papel cada vez máis protagonista no impulso e desenvolvemento das economías e as sociedades modernas, por ser instrumentos para a creación de riqueza nun contexto de economía do coñecemento e motores de desenvolvemento da sociedade da información.
10. Desenvolver as TIC verdes, ao constituír estas un instrumento clave para un crecemento equilibrado desde a óptica medioambiental.
Xunto coa Estratexia 2011-2015 achégase un documento de Anexos con todas as medidas concretas adoptadas para a superación dos retos que supoñen estes dez obxectivos.
Cómpre destacar que a primeira fase do Plan Avanza perseguía recuperar o atraso de España respecto da Unión Europea, especialmente en cobertura e conectividade, e a Estratexia 2011-2015 do Plan Avanza 2 pretende situar a España nunha posición de liderado no desenvolvemento e uso de produtos e servizos TIC avanzados.