Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia

|

España ocupa a terceira posición en participación electrónica segundo o Informe global de Administración electrónica da ONU

O Informe anual sobre el desarrollo de la sociedad de la información eEspaña 2010 foi elaborado pola Fundación Orange e recolle numerosos indicadores sobre a situación das TIC en España. Un dos capítulos que inclúe é o dedicado á Administración electrónica, no que se tratan, entre outros, aspectos como o grao de desenvolvemento dos servizos, o seu emprego por parte da cidadanía e as empresas ou a implantación de software de fontes abertas.

A Fundación Orange fixo público un ano máis o seu Informe anual sobre el desarrollo de la sociedad de la información eEspaña 2010, documento no que se fai unha profunda análise sobre a situación das tecnoloxías da información e a comunicación en España.

No informe trátanse cuestións moi variadas sobre o desenvolvemento da sociedade da información, aínda que a continuación soamente se reflicten os aspectos máis destacados relacionados coa Administración electrónica, como por exemplo o grao de desenvolvemento dos servizos, o seu emprego por parte da cidadanía e das empresas ou a implantación de software de fontes abertas.

Na Estratexia de Lisboa da UE ocupan unha situación central os servizos de Administración electrónica. Nela recóllese que a mellora continuada destes servizos públicos en liña por parte das diferentes administracións públicas constitúe un elemento clave para o desenvolvemento da sociedade da información.

Grao de desenvolvemento dos servizos da Administración electrónica
O informe United Nations Global E-Government Survey, elaborado pola ONU, valora o grao de desenvolvemento da Administración electrónica a nivel global, valoración en función da cal establecen unha clasificación dos diferentes países. España ocupa, no informe de 2010, unha posición destacada, a novena, o que significa unha importante mellora respecto ao do ano 2008, cando se situaba na vixésima praza.

Tamén se produciron en España notables avances na participación electrónica. De feito, no citado informe da ONU ocupa a terceira posición, só por detrás de Corea do Sur (que encabeza tamén a clasificación en desenvolvemento da Administración electrónica) e Australia.

Porén, aínda existen aspectos nos que avanzar, e, neste sentido, España presenta unha maior marxe de mellora nas infraestruturas, índice no que se atopa notablemente por debaixo dos países líderes en Administración electrónica. Cómpre un avance neste campo para poder ter un mellor acceso aos servizos electrónicos: mellorar as conexións, estender a banda larga ou incrementar a dotación de ordenadores por habitantes.

Outra fonte oficial como é Eurostat (a Oficina Estatística da Unión Europea), que tamén elabora un indicador sobre dispoñibilidade de vinte servizos básicos de Administración electrónica en Europa, reflicte que a situación española supera a media da UE (obtén unha puntuación de 80 sobre 100), malia que retrocedeu posicións en relación con outros países que experimentaron un crecemento importante e ocupa na actualidade o posto 12.

Utilización pola cidadanía dos servizos de Administración electrónica
Se ben na oferta de servizos en liña España ocupa postos destacados a nivel mundial, non acontece o mesmo en relación coa demanda destes. Só o 30 % da poboación realizou algunha xestión básica por internet, moi lonxe da cifra doutros países da UE. Tamén no caso das empresas o atraso é notable en relación coas xestións que levan a cabo electronicamente, aínda que poden atoparse variacións en función do seu tamaño.

No entanto, existen diferenzas importantes entre as distintas comunidades españolas respecto ao grao de utilización dos servizos da Administración electrónica. Así, Madrid, Navarra e Aragón sitúanse por riba da media estatal e europea, mentres que Galicia xunto coa Comunidade Valenciana, Canarias, Murcia, Andalucía, Estremadura e Ceuta contan cunha poboación e unhas empresas que se caracterizan pola escasa demanda dos servizos en liña.

Centrando a análise na demanda por parte da cidadanía de servizos básicos de Administración electrónica, cómpre dicir que estes constitúen un dos usos máis frecuentes de internet. En relación coa idade, a medida que esta se incrementa, a partir dos 45 anos, descende o seu emprego.

Outro dato destacado é que a medida que aumenta a sofisticación da xestión se reduce a taxa de uso desta. Así, en España, en comparación co resto da UE, faise un uso maior de xestións básicas, como a busca de información nas páxinas web das administracións, e redúcese a demanda a medida que aumenta a complexidade dos servizos.

A ferramenta máis estendida entre a poboación española é o DNI electrónico, aínda que só o 2 % dispón de lector para este documento e unicamente o 3,4 % o utilizou para interactuar coas administracións públicas.

Un dos trámites electrónicos que experimentou un aumento maior foi a realización da declaración da renda de maneira electrónica, o que explicaría o maior uso que se fai en España do certificado electrónico.

Utilización polas empresas dos servizos de Administración electrónica
Se analizamos agora a utilización que fan as empresas da Administración electrónica, estas incrementaron notablemente o uso destes servizos, aínda que con diferenzas en función do seu tamaño e do grao de sofisticación do trámite.

Neste sentido, as pemes son as que contribúen á diminución da media española en relación coa UE na realización de xestións básicas de Administración electrónica, mentres que as grandes empresas fan un uso superior ás súas homólogas europeas.

Ademais, como acontecía no caso da cidadanía, as empresas levan a cabo unha menor utilización destas xestións a medida que se incrementa a súa complexidade.

Implantación de software de fontes abertas
O software de fontes abertas pode contribuír en boa medida ao desenvolvemento da sociedade da información, grazas ao aforro de custos ou ao acceso libre ao código dos programas.

Na Administración Xeral do Estado faise un maior uso dos sistemas operativos privados que dos de fontes abertas, aínda que con diferenzas en función do tamaño do sistema. O 83 % dos de máis tamaño tiña en 2008 instalados sistemas operativos de carácter privado. Nos de tamaño medio esa porcentaxe descende ata o 80 % mentres que nos menores se aprecia unha maior penetración dos sistemas operativos de código aberto que representan un terzo dos instalados.

O software de propiedade privada domina, sobre todo, os ordenadores persoais da Administración Xeral do Estado. En 2008 Windows estaba instalado no 97 % destes equipos.

 


Comparte esta información
  • del.icio.us
  • Facebook
  • Menéame
  • Chuza!
  • Google Bookmarks
  • LinkedIn
  • Live
  • MySpace
  • Technorati
  • Tipd
  • Digg
  • Yahoo
  • Twitter