O Plan Avanza está supoñendo un impulso decisivo no desenvolvemento da sociedade da información en España
A sociedade da información é cada día máis real en España grazas a iniciativas coma o Plan Avanza ou a súa continuación no ano 2009, o Plan Avanza2, que supuxeron un grande investimento por parte do Goberno central. Así o demostra o documento presentado polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio no que se recollen as principais liñas de actuación dos devanditos plans e os resultados obtidos tras a súa implantación.
O documento presenta unha serie de indicadores que facilitaron a análise da situación da sociedade da información en España e que se agrupaban nos seguintes grupos: banda larga; penetración de PC, internet e telefonía móbil; seguridade e confianza en internet; protección dos dereitos dos usuarios; DNI electrónico; innovación e facturación do hipersector das TIC; educación en rede, sanidade en rede e inclusión; regulación e, finalmente, comercio electrónico. Para ofrecer unha imaxe verídica da situación da sociedade da información en España, preséntanse unha serie de datos cuantitativos relativos aos devanditos indicadores, que foron tomados de fontes estatísticas recoñecidas, teñen carácter oficial e permiten a súa comparación con cifras internacionais.
Principais liñas de actuación do Plan Avanza
O Plan Avanza é unha iniciativa do Ministerio de Industria que, a través da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información, investiu máis de 6.500 millóns de euros entre 2005 e 2009 para cumprir co seu principal obxectivo: desenvolver a sociedade da información e do coñecemento en todo o país. No entanto, o Plan Avanza2, iniciado en 2009, completa o Plan Avanza con dúas novas funcións: afianzar os resultados obtidos ata o ano 2008 e reforzar algunhas das áreas estratéxicas.
O Plan Avanza constitúe un fito histórico no desenvolvemento da sociedade da información en España. As súas iniciativas agrúpanse en catro liñas de actuación, que corresponden á cidadanía, á economía, ao contexto e á educación e servizos públicos dixitais. Cada un destes grupos inclúe os seus propios obxectivos, medidas e ata plans propios, destinados a mellorar unha área en concreto.
A primeira das liñas diríxese á cidadanía co obxectivo de conseguir un aumento no uso das TIC (previa mellora do acceso a estas). Ademais, tamén hai un especial interese pola inclusión social e a redución da ruptura dixital. Entre as medidas, encóntranse os préstamos a familias, á mocidade e aos universitarios; o fomento da presenza da muller en internet, a inclusión dos maiores e das persoas con discapacidade e a creación de telecentros. Con todas estas medidas preténdese poder ofrecer máis e mellor calidade de vida aos cidadáns españois.
Dentro da economía dixital, considérase a formación en TIC, os préstamos tecnolóxicos e diferentes plans e proxectos coma Avanza PYME, Profit I+D+i ou Dominios.es co obxectivo de que as empresas adopten en maior medida as TIC e oferten maior competitividade no mercado.
Outra das liñas de actuación céntrase na dixitalización de todos os servizos públicos, especialmente da educación e da sanidade. Preténdese garantir o dereito dos cidadáns e empresas a relacionarse electronicamente coas administracións públicas e conseguir, desta forma, un maior benestar social. Entre as medidas encóntranse o uso do DNI electrónico e o plan de fomento da Administración electrónica.
Por último, o "contexto dixital'' que se refire á mellora das infraestruturas, ao aumento da confianza na seguridade do uso das TIC, á creación de contidos dixitais e ao impulso da identidade dixital para conseguir maior produtividade. Entre as medidas hai diversos plans específicos coma o Plan de extensión da banda larga, o Plan de extensión de telefonía móbil e o Plan de transición á TDT.
Plan de extensión da banda larga
Un dos principais obxectivos do Plan Avanza é aumentar a cobertura da banda larga en España. Concretamente, facela chegar ao 100 % dos núcleos de poboación do país. Para conseguilo creouse, dentro do Plan Avanza, o Plan de extensión da banda larga, que representou un dos maiores desembolsos económicos para a mellora das infraestruturas de toda Europa. Ao comparar os datos correspondentes ao inicio do programa (no ano 2005) cos de decembro de 2008, cando concluíu a segunda fase, pódese comprobar un aumento do 19 % desde un 80 a un 99 %.
Plan de extensión de telefonía móbil
A diferenza do Plan de extensión de banda larga, o de telefonía móbil non ten unicamente como beneficiarias ás zonas rurais, pois o aumento da cobertura alcanzou tamén a grandes vías de comunicación e zonas de interese estratéxico. Cunha duración de tres anos, o financiamento deste plan correspondeu ao goberno en colaboración con entidades privadas, que achegaron 833, 8 millóns de euros. O aumento da cobertura conseguiuse a cambio dunha adxudicación de espectro de 10MHz aos operadores de telefonía.
Plan de transición á TDT
Este programa pretende conseguir unha oferta de máis dun total de 30 canles de televisión estatais, rexionais e locais; ademais dunha regulación referida á preparación dos edificios para a chegada da TDT. Neste caso, tamén as porcentaxes falan en favor das medidas adoptadas, pois o número de fogares conectados á TDT era no ano 2008 maior ao 75 % aínda que a cobertura era de ata un 98,11 %, superando desta forma a países coma Francia ou Alemaña. Ademais, o 96,3 % dos aparatos que se venden son televisores con TDT integrado, polo que se observa unha adaptación da poboación española á televisión dixital fronte ao apagamento analóxico que foi adiantado 2 anos (a 2010) tamén ao abeiro destas iniciativas.
Comparte esta información





