Un estudo da Junta de Castilla y León serviralles ás administracións locais para aclarar conceptos relacionados coa identidade dixital
Baixo o título La identidad digital. Una visión práctica desde la normativa y su aplicación a los elementos de la Administración electrónica a Oficina de Seguimento da Rede de Municipios Dixitais de Castela e León elaborou un estudo destinado aos responsables das administracións locais co que se pretende aclarar todos os aspectos de interese relacionados coa identidade dixital aplicados a cada compoñente da Administración electrónica.
A Lei de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos (LAECSP) e a Lei de sinatura electrónica (LSE) conforman a base a partir da que se desenvolve todo o documento. A primeira delas supuxo un punto de inflexión no impulso da Administración electrónica en España, xa que nela se recoñece o dereito da poboación a relacionarse cos organismos públicos por medios telemáticos. O desenvolvemento das ferramentas axeitadas para dar soporte á identificación e autenticación electrónica converteuse nun dos obstáculos máis significativos ao que teñen que facer fronte as administracións públicas (AAPP), a nivel técnico e a nivel organizativo.
Necesidade de identificación e autenticación
A LAECSP recolle os elementos precisos para configurar un sistema de Administración electrónica que faga posible que a cidadanía teña á súa disposición servizos públicos de calidade.
Analizando a actividade dos organismos públicos, as necesidades derivadas da identificación pódense dividir en dous grupos: identificación da Administración e identificación do cidadán.
Na primeira delas as necesidades xiran arredor da identificación da sede electrónica (oficina virtual da entidade, á que xeralmente se terá acceso a través do seu portal web), a identificación para dar soporte á actuación administrativa automatizada (mediante selo electrónico), a identificación do persoal ao servizo das AAPP (a través de sinatura electrónica ou do DNI electrónico) e a identificación das AAPP para o intercambio de datos en contornos pechados de comunicación.
No segundo caso, referido á identificación da cidadanía, as necesidades están relacionadas coa identificación da persoa física (a través do DNI electrónico, a sinatura electrónica recoñecida, a sinatura electrónica avanzada ou outros sistemas de sinatura), a identificación da persoa xurídica (con sinatura electrónica recoñecida, sinatura electrónica avanzada ou outros sistemas de sinatura), a identificación dunha entidade sen personalidade xurídica e as opcións de representación, é dicir, a identificación dos cidadáns por funcionario público e a identificación a través da representación dun terceiro (mediante unha habilitación na que se especifiquen as condicións e as obrigas ás que se comprometen os representantes).
Identificación noutros elementos da Administración electrónica
Existen unha serie de elementos e servizos que debemos poñer en marcha e unha serie de requirimentos que debemos de satisfacer respecto á identificación e autenticación: sistema de verificación de sinatura electrónica, rexistro electrónico, comunicacións electrónicas, notificacións electrónicas, perfil do contratante, documento electrónico, copias electrónicas, compulsas electrónicas, arquivo electrónico, expediente electrónico, publicacións electrónicas de boletíns oficiais e publicación electrónica do taboleiro de anuncios ou edictos.
Por unha banda, o sistema de verificación de sinatura electrónica é un programa informático que serve para aplicar os datos (códigos ou claves criptográficas públicas) desta verificación.
Tamén está o rexistro electrónico, un dos elementos da Administración electrónica máis implantados actualmente, que encontraremos aloxado nas sedes electrónicas das AAPP, as cales teñen a obriga de crealos para a recepción e remisión de solicitudes, escritos e comunicacións.
As comunicacións electrónicas son outro dos servizos clave e fan referencia a avisos e incidencias, as de presentación de reclamacións ou queixas, as da formulación de suxestións, e outras formas de presentación que carecen de una regulación específica etc. Cómpre diferencialas das notificacións electrónicas empregadas pola Administración para comunicarlle a un cidadán unha resolución ou acto administrativo que afecte aos seus dereitos e intereses.
O perfil de contratante ten como finalidade asegurar a transparencia e o acceso público á información relativa á actividade contractual, para o cal os órganos de contratación o difundirán a través da sede electrónica do organismo.
Considérase documento electrónico a información en forma electrónica, arquivada nun soporte electrónico segundo un formato determinado e susceptible de identificación e tratamento diferenciado.
Son copias electrónicas as que se fan de documentos electrónicos nese mesmo formato, as imaxes electrónicas de documentos en papel e as copias en papel de documentos electrónicos, e son compulsas electrónicas os procedementos de dixitalización da documentación de orixinais en papel que producen una copia electrónica do documento orixinal.
O arquivo electrónico constitúe unha ferramenta para almacenar os documentos orixinados ou convertidos a soporte electrónico no quefacer diario da Administración e o expediente electrónico é a tradución ao contorno dixital do expediente que ata agora se dispoñía para calquera procedemento.
As AAPP poden publicar nas súas sedes electrónicas os diarios ou boletíns oficiais, de maneira que sempre que se dispoña das condicións e garantías necesarias, que poderán ter a mesma validez que na súa versión en papel.
Por último, a publicación electrónica do taboleiro de anuncios ou edictos vai permitir unha mellor difusión do seu contido, en base a unha maior flexibilidade no momento de acceder a este, o que repercute directamente na calidade do servizo ofrecido.
Conceptos básicos
O documento tamén inclúe un capítulo dedico á explicación de conceptos básicos relacionados co tema da identidade dixital que facilitan a súa comprensión. Velaquí unha breve descrición dos máis significativos:
Sinatura electrónica: conxunto de datos en forma electrónica, consignados xunto con outros ou asociados con eles, que poden ser utilizados como medio de identificación da persoa que asina.
Sinatura dixital: caracterízase porque só pode ser xerada pola persoa que posúe a clave privada e pode ser verificada por calquera que coñeza a clave pública de quen asina; é un paquete de información de tamaño fixo, dependente do documento orixinal, e que na práctica se envía acompañándoo; permite identificar a persoa que asina, debido a que a clave pública coa que se desencripta só pode utilizarse sobre documentos encriptados cunha determinada clave privada e non outra, a cal está en posesión do asinante.
Certificado dixital: é o documento asinado electronicamente por un prestador de servizos de certificación que vincula uns datos de verificación de sinatura a un asinante e confirma a súa identidade.
PKI: siglas de Public Key Infrastruture (infraestrutura de clave pública), infraestrutura que facilita un contorno en que os usuarios e sistemas poden intercambiar información de forma segura.
Comparte esta información





