Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia

|

O 84 % dos internautas españois que tiveron intentos de fraude declara non modificar os seus hábitos de compra en internet

O Estudo sobre a fraude a través de internet (Informe anual 2009), elaborado por Inteco, revela que a proporción de usuarios españois que cren recibir un intento de fraude diminuíu ao longo de 2009. Ademais, o sufrir un intento de fraude non inflúe significativamente nos hábitos de uso de compra e banca electrónica.

O Observatorio da Seguridade da Información de Inteco (Instituto Nacional de Tecnoloxías da Comunicación, S.A.) publica o Estudo sobre a fraude a través de internet (Informe anual 2009). Este informe ofrece a evolución trimestral ao longo de 2009 dos resultados sobre fraude en liña e e-confianza.

Esta análise periódica permite obter a percepción dos internautas españois sobre a fraude en liña, a súa e-confianza en relación cos servizos da sociedade da información, a tipoloxía das técnicas de engano utilizadas, a porcentaxe de intentos fraudulentos errados e con éxito, o impacto económico sufrido, a resposta das vítimas etc.

Metodoloxía

O estudo elaborouse a partir dun panel en liña composto por 5.752 fogares españois con conexión a internet. A análise deste panel inclúe enquisas periódicas a usuarios da rede maiores de 15 anos e análises en liña de equipos de fogares.

O período analizado comprende o ano 2009, tempo durante o cal se realizaron 14.264 enquisas, con periodicidade trimestral, e 57.832 análises de seguridade nos equipos panelistas, levadas a cabo con periodicidade mensual.

Intentos de fraude a través de internet

Segundo a perspectiva do cidadán español, as dúas incidencias declaradas con maior frecuencia en internet ao longo de 2009 (intento de fraude a través da rede no últimos tres meses) son recibir unha invitación para visitar algunha páxina web sospeitosa (34,1 % no último trimestre de 2009) e recibir algún correo electrónico ofertando un servizo non solicitado (29,4 %). Séguenlles, por orde de importancia, outras incidencias como a recepción dunha oferta de traballo por internet que puidese ser falsa ou sospeitosa (23,1 % no cuarto trimestre de 2009) e a recepción dalgunha mensaxe de correo electrónico solicitando as claves de usuario (21,6 %). En xeral, percíbese unha maior frecuencia de todas estas incidencias no principio do ano que no cuarto trimestre de 2009.

Intentos de fraude a través do teléfono móbil

Os intentos de fraude a través de móbil percibidas con maior frecuencia por parte da poboación española son, por orde de importancia, a recepción dun SMS ofertando un servizo non solicitado (12,2 % no cuarto trimestre de 2009), a recepción dun SMS solicitando claves de usuario (3,1 %) e a recepción dunha chamada solicitando claves de usuario (2,9 %).

Analizando a evolución por trimestres da percepción sobre as distintas incidencias, destaca o importante descenso da recepción dun SMS ofertando un servizo non solicitado, que pasou dun 24,6 % no primeiro trimestre de 2009 ao 12,2 % a finais dese mesmo ano. Isto pode vir motivado polo maior custo do envío de SMS fronte ao envío de correos electrónicos.

Forma adoptada polo remitente orixe da comunicación sospeitosa de ser fraudulenta

Os participantes no panel afirman, a través das enquisas, que a forma adoptada con maior frecuencia polo remitente orixe da comunicación sospeitosa de ser fraudulenta adoita ser un banco (43,1 % no cuarto trimestre de 2009), debido probablemente á maior confianza que ofrece este tipo de institucións aos usuarios. Outras formas adoptadas, por orde de importancia, son comercio electrónico (41,9 %), casinos ou xogos en liña (39 %), particular (23,8 %), medios de pago (23,1 %), telecomunicacións (21,4 %), redes sociais (21,3 %), poxas (20,9 %) etc.

Analizando a evolución por trimestres, segundo a percepción da poboación española, no último trimestre de 2009 pódese observar un importante incremento de intentos de estafa baseados no comercio electrónico e das estafas que din provir dun particular.

Impacto económico da fraude

A evolución da fraude con impacto económico mantense estable ao longo do ano 2009, entre o 3,5 % e o 3,8 %. De feito, o importe defraudado a este grupo de usuarios que percibiron perda económica foi na maioría dos casos (80 %) inferior aos 400 €. Estes casos corresponderían, polo tanto, a unha falta e non a un delito segundo o Código Penal español.

Fraude e malware

Os datos empíricos obtidos a través das exploracións en liña de equipos de fogares españois revelan que, en decembro de 2009, un 35,6 % dos equipos analizados aloxaba algún tipo de troiano. En concreto, o troiano bancario (que fai referencia a algún banco concreto) está presente no 6,3 % dos equipos analizados.

Influencia do intento de fraude na modificación de hábitos

Segundo o informe, o sufrir un intento de fraude non inflúe significativamente nos hábitos de uso de compra e banca electrónica.

De feito, no cuarto trimestre de 2009, o 84 % dos usuarios declara non modificar os seus hábitos de compra en internet tras sufrir un intento de fraude. Esta porcentaxe elévase ata o 89,4 % se se fai referencia ás persoas que decidiron non cambiar os seus hábitos de banca electrónica.
 


Comparte esta información
  • del.icio.us
  • Facebook
  • Menéame
  • Chuza!
  • Google Bookmarks
  • LinkedIn
  • Live
  • MySpace
  • Technorati
  • Tipd
  • Digg
  • Yahoo
  • Twitter