Galego  | Castelán
Logo OSIMGA
Logo XUNTA
1
DESTACADO

O OSIMGA publica unha actualización do Sistema de Indicadores da Sociedade da Información de Galicia

/gl/actualidade/noticias/20111228_indicadores.html
2
DESTACADO

O OSIMGA publica un estudo sobre o uso das TIC para a integración laboral das persoas con discapacidade

/gl/actualidade/noticias/20111202_informe_discapacidade.html
3
DESTACADO

O Observatorio publica os novos resultados das enquisas de software libre correspondentes a pemes e empresas informáticas

 

/gl/actualidade/noticias/20110914_novos_floss.html
4
DESTACADO

O OSIMGA publica os resultados dos estudos sobre a Administración electrónica nos concellos e na Xunta de Galicia correspondentes a 2010

 

/gl/actualidade/noticias/20111109_administracion_electronica.html

DESTACADOS

A fenda dixital de xénero en España situouse no 15 % en 2009
O Informe anual sobre el desarrollo de la sociedad de la información eEspaña 2010 foi elaborado pola Fundación Orange e recolle numerosos indicadores sobre a situación das TIC en España.
Valoración
(1 votos)
13/07/2010

A Fundación Orange vén de presentar un ano máis o seu Informe anual sobre el desarrollo de la sociedad de la información eEspaña 2010, documento no que se fai unha profunda análise sobre a situación das tecnoloxías da información e a comunicación en España.

No informe trátanse cuestións moi variadas sobre o desenvolvemento da sociedade da información, aínda que a continuación soamente se reflicten os aspectos máis destacados relacionados coa cidadanía, particularmente os relativos aos colectivos da sociedade española que corren un maior risco de exclusión dixital. Trátase de grupos sociais con pautas de comportamento específicas respecto ás TIC e, por este motivo, as variables idade, xénero, inmigración e nivel de renda centrarán esta análise.

Adopción das TIC por parte da cidadanía española
Nos últimos anos obsérvase un aumento na porcentaxe de usuarios de internet e do número de fogares con acceso á rede, o que demostra que estamos ante unha ferramenta de uso habitual entre os españois. O 60 % da poboación empregou internet nos últimos tres meses e maioritariamente o fixeron desde o fogar. O 54 % dos fogares dispón de acceso á rede e o 95 % destas conexións é de banda larga.

A maioría dos internautas accede a internet a diario e os usos principais son a busca de información e as comunicacións con outras persoas usuarias (correo electrónico, redes sociais…), sobre todo no caso da poboación máis nova.

Só arredor dunha cuarta parte dos internautas españois (o 26 %) fixo compras a través de internet, cifra bastante inferior á media europea (situada no 43 %). Ademais, o estudo mostra unha elevada concienciación con respecto aos riscos da seguridade nos equipos informáticos e un predominio de comportamentos prudentes a este respecto. Os principais problemas detectados son os virus e as mensaxes de correo electrónico non desexadas.

A incidencia da idade na adopción das TIC
A idade constitúe unha das variables de maior incidencia na adopción das novas tecnoloxías. Así, mentres a poboación máis nova realiza un emprego intensivo destas, a medida que a idade aumenta esta intensidade vaise reducindo paulatinamente. O descenso acentúase a partir dos 45-50 anos e, en especial, a partir dos 65. Neste último estrato de idade, ademais, faise máis visible a fenda de xénero, xa que a diferenza de uso entre homes e mulleres é maior que nos demais segmentos de idade, agás na utilización do teléfono móbil.

As diferenzas nos maiores de 65 tamén son significativas entre a situación das diferentes comunidades autónomas. Onde se sitúan as principais cidades de España, isto é, Madrid, Cataluña, Comunidade Valenciana ou o País Vasco, obsérvase un emprego máis elevado das TIC entre as persoas maiores, mentres que nas que teñen máis peso de poboación rural, como é o caso de Galicia, existe maior atraso. O mesmo acontece a nivel europeo, se se teñen en conta as diferenzas entre o norte de Europa (cunha elevada taxa de emprego das novas tecnoloxías entre os seus maiores), o centro (cunha penetración que se sitúa próxima á media da UE) e o sur e o leste (cos niveis máis baixos de emprego das TIC nos maiores).

En relación cos servizos de internet máis demandados por este grupo de idade, destaca a busca de información sobre temas de actualidade, e en canto ás compras a través da rede, os produtos preferidos son os vinculados coas viaxes e o ocio.

No estrato de idade de entre 10 e 15 anos a ferramenta máis empregada é o ordenador, aínda que internet é a que experimenta un crecemento máis continuado. O acceso á rede adoita producirse na vivenda familiar e no centro de estudos.

Non existen notables diferenzas de xénero en canto ao uso do ordenador e internet nestas idades máis novas, pero si no caso do teléfono móbil, cuxo emprego é superior nas rapazas. Si se aprecian diferenzas significativas se temos en conta outras variables como a renda familiar.

En función das comunidades autónomas tamén se observan situacións distintas, xa que Cataluña, Aragón, Cantabria e Baleares contan coas taxas máis elevadas de emprego de internet, fronte a outras como A Rioxa, Ceuta, Galicia ou Melilla.

Respecto aos usos que a xente nova fai de internet, para este grupo de idade a rede constitúe unha ferramenta de estudo pero tamén de ocio. Cómpre destacar a incidencia do fenómeno das redes sociais, pois arredor de nove de cada dez internautas desta franxa de idade son usuarios delas.

Mención á parte merece o emprego por parte de nenos e adolescentes do teléfono móbil, que aproveitan ao máximo as posibilidades de comunicación e ocio que lles ofrecen. Ademais, é un aparello que proporciona tranquilidade aos proxenitores, que xustifican así a posesión dun terminal por parte dos menores. Aínda así, no informe incídese na necesidade de que coñezan ben as situacións que se poden derivar do seu emprego e alértase das súas ameazas e riscos.

A igualdade de xénero na sociedade da información
Este estudo constata a existencia de múltiples fendas dixitais de xénero. A primeira pode verse no acceso a internet, fenda que se agudiza nos grupos de maior idade. A segunda atópase na menor intensidade da incorporación feminina en internet, xa que as usuarias ocasionais son moitos máis habituais que os usuarios ocasionais. A terceira fenda está relacionada coas aplicacións que se sitúan á cabeza no desenvolvemento da rede, que ademais afecta á xeración de mulleres máis novas.

Outro factor que demostra a desigualdade de xénero na sociedade da información é a menor presenza de mulleres como axentes activos no sector das TIC, concretamente no estudo de disciplinas técnicas e nalgúns empregos característicos do sector.

Esta situación de exclusión está presente na axenda política e un exemplo diso é o Plan de acción para a igualdade entre mulleres e homes na sociedade da información (2009-2011), cuxo resultado aínda está por ver.

Se comparamos a situación de España coa do resto de Europa, cómpre salientar que a fenda dixital de xénero se mantén en todos os países europeos, aínda que con matices. Así, nos países nórdicos a fenda é moito máis reducida que nos meridionais, como é o caso de España, onde en 2009 a fenda de xénero era do 15 %. Hai que salientar que, malia a todo, a fenda de xénero se foi reducindo en Europa nos últimos anos.

A poboación inmigrante na nova era dixital
A poboación inmigrante en España entrou no mundo das novas tecnoloxías principalmente pola necesidade de comunicación e de información e, por este motivo, neste grupo a expansión das TIC foi moi intensa. A presenza destas no colectivo inmigrante é cada vez máis importante. O seu equipamento tecnolóxico é bastante semellante ao do resto da poboación española e o acceso a internet acada proporciones moi similares. Ademais, cómpre salientar como característica que o teléfono móbil constitúe unha tecnoloxía fundamental para o colectivo inmigrante, que realiza un uso máis extenso e integral deste aparello.

O acceso a internet é xeneralizado neste colectivo, aínda que a frecuencia de uso é menor que a do resto da poboación. Tamén existen diferenzas no relativo ao lugar de conexión, xa que, malia que tamén entre este grupo o acceso desde o fogar é o máis frecuente (o 70 % conéctase desde a súa casa), o locutorio ten unha presenza importante. Ademais, entre os inmigrantes é menos habitual que a conexión se realice desde o posto de traballo, o que dá conta da situación de desigualdade nos postos que adoitan desempeñar.

A variable da idade entre a poboación inmigrante ten menor incidencia que no resto da poboación, igual que a variable de nivel de estudos, pero a fenda dixital de xénero mantense neste colectivo.

Trátase, ademais, dun público obxectivo prioritario, en crecemento e de alta rendibilidade, polo que cada vez é máis frecuente a aparición de produtos específicos deseñados para este grupo social.

A influencia da renda na adopción das TIC
A variable da renda é, xunto coa da idade, determinante no acceso ás TIC por parte da poboación española, debido aos custos da conexión e do equipamento.

As persoas de menor renda fan un uso inferior das TIC que a media española, sobre todo de internet e do ordenador. Existe unha menor proporción no acceso á rede nos fogares con menos ingresos e isto tamén se reflicte ao realizar unha comparación entre as diferentes comunidades autónomas, pois nas máis desenvolvidas, isto é, nas máis ricas, hai menos pobreza e, polo tanto, maior volume de poboación que se conecta a internet. O efecto do nivel de renda sobre o uso das TIC tamén se reflicte no resto de Europa. Os países con maiores ingresos netos, os do norte, presentan un nivel de acceso á rede maior que os países do leste. España, pola súa banda, alcanza unha cifra próxima á media europea.

Os usos que fan as persoas de rendas inferiores de internet tamén son sensiblemente distintos. Así, é habitual a utilización de servizos relacionados coa busca de emprego ou as chamadas a través da rede. Tamén existen diferenzas nos lugares de acceso, posto que no caso das persoas de menor renda acceden nunha porcentaxe inferior desde o seu fogar e desde o posto de traballo.

 

voltar
Facebook Netvibes Twitter Delicious Issuu
Imit Contacta Suscríbete Calidade