DESTACADOS
O Instituto Nacional de Estatística (INE), mediante a recompilación e tratamento dos datos do sector das TIC de 2008 de varios traballos estatísticos diferentes, permite abordar o estudo de factores como o gasto interno en I+D das empresas do sector, o persoal ocupado en tarefas de I+D, as empresas que realizaron actividades innovadoras e o valor de produción de bens do sector das TIC.
O sector das TIC está formado polas industrias manufactureiras e de servizos cuxa actividade principal está vinculada co desenvolvemento, produción, comercialización e uso intensivo das tecnoloxías da información e as comunicacións. Caracterízase pola altas taxa de innovación, progreso tecnolóxico e produtividade.
Ramas de actividade do sector das TIC segundo a Clasificación Nacional de Actividades Económicas CNAE-2009
Segundo a Clasificación Nacional de Actividades Económicas de 2009 (CNAE-2009), as ramas de actividade que compoñen o sector das TIC son:
Gasto interno en I+D das empresas do sector das TIC
Segundo a Estatística sobre Actividades de Investigación Científica e Desenvolvemento Tecnolóxico do INE, as empresas do sector das TIC investiron en I+D un total de 1.233 millóns de euros durante 2008. Esta cifra supuxo o 15,3 % do gasto do total empresarial en actividades de I+D.
Este investimento corresponde maioritariamente a empresas de servizos das TIC, co 86 % do total, fronte ao 14 % que corresponde ás empresas de fabricación.
Concretamente, a rama de actividade que maior gasto tivo en I+D en 2008 foi a de programación, consultoría e outras actividades relacionadas coa informática, co 52 % do investimento total (636 millóns de euros). Séguenlle, por orde de importancia, as telecomunicacións, co 18 % do total, a fabricación, co 14 %, e as industrias comerciais, co 9 %.
No referente á tipoloxía do gasto, cómpre destacar que o 83 % dos gastos internos en I+D no sector das TIC en 2008 corresponde a gastos correntes, fronte ao 17 % que supoñen os gastos de capital. De feito, destacan as telecomunicacións como a rama de actividade que maior gasto de capital realiza en I+D. Para o total de empresas (non só empresas de TIC), os gastos correntes representan o 81,2 % e os de capital o 18,8 %.
Persoal ocupado no sector das TIC en 2008
A Estatística sobre Actividades de Investigación Científica e Desenvolvemento Tecnolóxico do INE tamén revela que o persoal dedicado a tarefas de I+D no sector das TIC supón o 17,8 % respecto ao total dos sectores empresariais.
En concreto, o persoal do sector das TIC dedicado a tarefas de I+D, en equivalencia a xornada completa (EXC), alcanzou as 16.976 persoas traballadoras en 2008, das cales o 48 % eran investigadores. En canto ao xénero do persoal, as mulleres representaban o 22,4 % do total de empregados ocupados en tarefas de I+D.
En concreto, pódese observar que a rama de actividade que engloba o maior número de persoas traballadoras dedicadas a I+D no sector das TIC é a que corresponde ao servizo de programación, consultoría e outras actividades relacionadas coa informática, co 60 % do total. Outras ramas de actividade deste sector cun número importante de persoas empregadas dedicadas a tarefas de I+D son a fabricación (16 %), as industrias comerciais TIC (8 %) e as telecomunicacións (7 %).
Empresas que realizaron actividades innovadoras
Segundo a Enquisa sobre Innovación Tecnolóxica nas Empresas do INE, o 45,7 % das empresas do sector das TIC realizou actividades innovadoras en 2008. Analizando por sectores, obsérvase que levaron a cabo actividades innovadoras en 2008 unha maior porcentaxe de empresas de fabricación (60,6 %) que de servizos (44,3 %).
En cambio, o gasto en actividades innovadoras realizado polas empresas de servizos de TIC (94 %) foi moi superior ao realizado polas empresas manufactureiras (6 %). En 2008, este gasto alcanzou conxuntamente o importe de 4.071,5 millóns de euros no sector das TIC, o cal representa o 20,4 % do gasto do total empresarial en actividades innovadoras.
Valor da produción de bens do sector das TIC
Segundo a Enquisa Industrial de Produtos do INE, o valor da produción dos bens de TIC alcanzou os 5.948,4 millóns de euros en 2008, o que representa o 1,4 % da produción industrial estatal ese mesmo ano. Este valor viuse diminuído un 6 % con respecto ao alcanzado un ano antes.
En concreto, os grupos de produtos do sector das TIC con maior valor de produción en 2008 foron, por orde de importancia, os equipos de audio e vídeo (37,3 %), os compoñentes electrónicos (25,9 %), outros produtos de TIC (21,2 %) e os equipos de telecomunicacións (12 %). Os equipos de computadores son os que menor valor representan, co 3,7 % do total.
Analizando a evolución do valor de produción dos distintos grupos de produtos do sector das TIC, pódese observar un incremento de valor nos compoñentes electrónicos (5,5 %) e noutros produtos de TIC (2,9 %) e unha caída de valor en equipos de computadores (48,0 %), equipos de telecomunicacións (21,6 %) e equipos de audio e vídeo (4,0 %).