DESTACADOS
O vindeiro martes celebrarase en Santiago de Compostela o primeiro dos Foros de debate por un mundo máis saudable, que organiza a Escola Galega de Administración Sanitaria para ofrecer unha tribuna aberta de intervención a distintas personalidades de diversos ámbitos relacionados coa sanidade pública. O obxectivo desta iniciativa da Consellería de Sanidade, encamiñada a fomentar a participación real da cidadanía, é crear un marco de debate e reflexión sobre diversos aspectos de interese sanitario.
Estes Foros son unha nova vía de participación real da cidadanía, dos profesionais e doutras partes interesadas no sistema sanitario galego. A tal efecto, o departamento que dirixe María José Rubio Vidal invitará a participar nos mesmos ás asociacións veciñais, ás asociacións de enfermos (celíacos, hemofílicos, alzheimer, neuromusculares, entre outros), aos presidentes de colexios médicos e farmacéuticos, así como aos representantes políticos e sindicais, aos distintos colectivos profesionais da sanidade pública, e aos líderes de opinión dos medios de comunicación.
A dinámica a desenvolver nestes Foros consistirá na presentación dun relator que introduza o tema abordado, para, posteriormente, proceder á participación dos convidados e convidadas, a través das súas intervencións e intercambio de ideas.
Ao longo do ano 2007, organizaránse seis foros, en forma de almorzos de traballo, que pretenden respostar a unha perspectiva multidisciplinar.
Os contidos elixidos manterán como liña condutora a sanidade e os sistemas sanitarios, e analizarán as súas relacións con temas de especial relevancia social, como a xuventude, a comunicación ou a investigación.
O primeiro dos foros terá lugar o vindeiro martes, 22 de maio, baixo o título “Retos do Século XXI: Sostenibilidade dos sistemas sanitarios e sociais”. Este primeiro encontro terá como relatora á conselleira de Sanidade, María José Rubio Vidal.
O segundo dos foros, que celebrarase o 20 de xuño, abordará a “I+D+i en Sanidade”, sendo o seu relator, Francisco Gracia Navarro, director do Instituto de Saúde Carlos III, do Ministerio de Sanidade e Consumo.
O terceiro foro, que terá lugar o 5 de setembro, terá como tema central as “Actividades de Risco Sanitario e Social na mocidade”, e contará como relator con Eusebio Mejías Valenzuela, director técnico da Fundación de Axuda contra a Drogadicción.
O cuarto dos foros, que acontecerá o día 9 de outubro, ten como protagonista a Marco Martuzzi, do Centro Europeo para o Entorno e a Saúde da Organización Mundial da Saúde, que falará da experiencia nas distintas formas de facer política en relación coa saúde.
“Comunicación e Saúde”, o 6 de novembro, será o tema do que falará José Manuel González Huesa, director xeral de Servimedia e presidente da Asociación Nacional de Informadores da Saúde.
Por último, “Da práctica diaria á academia, ida e volta” é o titulo do Foro do día 11 de decembro, que contará como relator con Vicente Ortún Rubio, director do Centro de Investigación en Economía e Saúde, da Universidade Pompeu Fabra de Barcelona.
Aposta por unha participación real
Estes Foros de debate “Por un Mundo Máis Saudable”, son un chanzo máis dentro da política de potenciar a participación da cidadanía que esta a desenvolver a Consellería de Sanidade. Nesa mesma liña enmárcanse os diferentes cursos dirixidos á formación de líderes veciñais, como paso previo á participación dos galegos e galegas na política sanitaria. Esta iniciativa formativa da poboación, xa desenvolta en Pontevedra e Vigo e que se porá en marcha tamén noutras localidades galegas, ten moita importancia ao ser unha experiencia única no panorama sanitario do conxunto do Estado.
Ademais, de todo o antedito, o novo portal web da Sanidade pública galega (www.galiciasaude.es e www.sergas.es) permite, a través dun apartado novo dedicado á participación, coñecer a opinión dos usuarios e usuarias, a través de Foros de Participación Cidadá e enquisas.
O obxectivo é que a cidadanía aporte as súas ideas e suxestións, de xeito que a Sanidade pública galega capte mellor as expectativas da poboación e dos profesionais. Facilítase, así mesmo, na nova web, a achega de comentarios sobre as iniciativas en planificación e xestión, para, deste xeito, apoiar ao máximo a participación activa de todas e todos os galegos.
Fonte: Xunta.es