O Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) publica un estudo sobre a situación laboral das enxeñarías en informática de Galicia.
A Secretaria Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, presentou un estudo sobre a “A Situación Laboral nas Enxeñarías en Informática de Galicia”. O estudo analiza os resultados dunha enquisa realizada entre 551 persoas tituladas en Enxeñaría Informática e Enxeñaría Técnica Informática nas Universidades de Galicia, expoñendo con precisión aspectos da súa formación e inserción laboral, a mobilidade, o grao de satisfacción persoal coa profesión e as súas expectativas profesionais.
O estudo, editado pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia, foi elaborado pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) e baixo a coordinación do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), no marco das tarefas encomendadas por esta Secretaría Xeral á Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia.
Os informes de resultados deste estudo son a culminación dun proxecto que permite afondar na situación actual destes profesionais do sector TIC, que desempeñan un importante papel na implantación da Sociedade da Información en Galicia.
Principais resultados
A caracterización sociodemográfica que ofrece esta investigación revela que as persoas tituladas nas Enxeñarías en Informática de Galicia son xente xove e teñen boas perspectivas para atopar traballo en Galicia. O seu perfil é o dun home, nado e con familiares en Galicia, que reside e desenvolve preferentemente o seu labor profesional en Galicia. O 72,3% das persoas tituladas en Enxeñaría en Informática e o 67,3% das tituladas en Enxeñaría Técnica Informática son homes. Este dato é moi salientable, se temos en conta que hoxe en día as mulleres son maioría entre as persoas que se titulan no Sistema Universitario de Galicia. As persoas tituladas nas Enxeñarías en Informática están moi satisfeitas cos estudos realizados e máis dun 77% volverían cursar a mesma titulación.
Os resultados desta investigación indican que o colectivo profesional das Enxeñarías en Informática de Galicia goza dunha situación laboral moi favorable, aproximándose ao pleno emprego. O 94,8% das persoas tituladas en Enxeñaría en Informática e o 86,2% en Enxeñaría Técnica en Informática atópanse traballando, desenvolvendo o seu labor profesional principalmente por conta allea.
A estabilidade laboral das persoas entrevistadas que traballan por conta allea aparece reflexada na alta porcentaxe acadada polos contratos indefinidos ou fixos, obtendo que un 80,2% e 74,0% respectivamente, presentan un contrato indefinido ou fixo.
O principal exercicio profesional que desempeñan os profesionais destas dúas titulacións é a elaboración de proxectos informáticos representando un 59,0% e un 55,7% do total, respectivamente, seguido da dirección de proxectos informáticos (32,9% e 19,6% respectivamente) e a realización de estudos e informes (20,1% e 14,9% respectivamente). As funcións de dirección de proxectos seguen a reservarse para os homes, existindo unha diferenza de máis de 14 puntos porcentuais no caso da Enxeñaría en Informática (36,8% de homes fronte ao 22,2% de mulleres).
No sector privado estes profesionais traballan preferentemente nunha empresa pertencente ao sector TIC. Case a metade traballan nunha consultoría (44,8% e 47,1% respectivamente), desenvolvendo principalmente tarefas técnicas (60,5% e 70,1% respectivamente).
O tramo salarial bruto anual máis frecuente é entre 18.001 e 30.000 euros brutos anuais, onde están situados practicamente a metade das enxeñeiras e enxeñeiros en informática. O estudo evidencia que aínda existe discriminación salarial por sexo. A evolución favorable da relación salario-idade pon de manifesto a valoración da experiencia laboral nas empresas privadas.
O estudo conclúe que un 40% das persoas tituladas nas Enxeñarías en Informática de Galicia teñen unha percepción boa ou moi boa da súa situación profesional actual e unha de cada tres considera que esta mellorará nun futuro próximo.
O estudo sobre a “A Situación Laboral nas Enxeñarías en Informática de Galicia”, forma parte dunha serie de observacións temáticas, realizadas por grupos de expertos en colaboración co Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA).
Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio: www.osimga.org
Comparte esta información





