DESTACADOS
O Instituto Galego de Estatística (IGE), presentou hoxe os resultados da "Enquisa de Novas Tecnoloxías 2008" que constata que un terzo dos fogares galegos (332.378 fogares) contaban con conexión a Internet no ano 2008. Ademais, segundo este estudo enmarcado dentro da "Enquisa de condicións de vida das familias", o uso de Internet no fogar incrementouse case catro décimas con respecto ao 2007, pasando do 28,8% ao 32,5% no 2008.
Uso de Internet
En 2008 o 33% dos fogares galegos contaba con conexión a Internet (332.378 fogares). Esta porcentaxe varía en función da área xeográfica. Así, na área da Coruña, que comprende as comarcas da Coruña e Betanzos, a porcentaxe é do 45,9%, mentres que na área “Ourense sur” esta porcentaxe sitúase no 14,1%.
Os motivos que aducen os fogares galegos que non dispoñen de Internet son fundamentalmente que “Non queren porque non lles parece interesante ou útil”, nun 40,7% dos fogares, os “custos altos”, nun 27% dos casos, e a “falta de coñecementos”, nun 20,1% dos fogares.
O uso de Internet está máis estendido entre os mozos de 15 a 19 anos, xa que a utilizan o 89,9%; o 83,6% fíxoo nos últimos tres meses dese ano. Cabe salientar, tamén, que o emprego da Rede polos nenos de 5 a 14 anos supera o 50%. O uso de Internet vai diminuíndo segundo aumenta a idade da poboación. Deste xeito, a porcentaxe de poboación de 30 a 39 anos que utiliza Internet baixa ata o 69,7% e para a franxa de idade comprendida entre os 40 e os 54 anos non chega ao 50%.
Entre os lugares de conexión a Internet destaca o fogar no 68,8% das persoas que se conectaron á Rede nos últimos tres meses, e o centro de traballo (33,4%).
Os usuarios que se conectaron a Internet máis de 5 horas na última semana, supoñen o 31% do total de internautas do último mes. Estes usuarios son aproximadamente 307.700 persoas.
Compras na Rede
No ano 2008 o 40,6% dos galegos de 5 ou máis anos manifestou terse conectado á Internet nos tres últimos meses. Entre a poboación de 16 ou máis anos que se conectou a Internet nos tres últimos meses, o 16,3% realizou algunha compra por este medio. Sobre o total da poboación de 16 ou máis anos, a porcentaxe dos que mercaron a través da Rede baixa ata o 6,4%.
As maiores porcentaxes, no tocante ás compras realizadas por Internet rexístranse entre a poboación de 20 a 29 anos e a de 30 a 39 anos, nos que a porcentaxe que nos tres últimos meses realizou algunha compra por este medio foi do 11,9% e do 12,1%, respectivamente.
Entre os bens e servizos mercados máis habitualmente a través de Internet figuran as viaxes ou billetes para medios de transporte; o 66,5% das persoas de 16 ou máis anos que realizaron compras pola Rede mercaron este produto. A continuación atópanse as entradas para espectáculos (22,5%), o equipamento electrónico (17,1%), os libros, revistas periódicos e material educativo (14%) e a roupa e complementos (12,7%).
Administración electrónica
En 2008 un total de 267.405 persoas de 16 ou máis anos relacionáronse coas administracións públicas a través de Internet. Isto supón que o 16,5% do total da poboación que realizou xestións coas administracións públicas o fixo mediante a Rede.
Os principais servizos polos que interactuaron coas administracións públicas a través da Rede foron: facer a declaración da renda e xestións sanitarias (pedir citas, solicitar tarxeta, cambios de médico...).
Uso do ordenador
En 2008 o 52,3% dos galegos de 5 ou máis anos manifestou utilizar o ordenador algunha vez: o 44,9% fíxoo no último mes. A porcentaxe de persoas que utilizaron o ordenador no último mes aumentou 4 puntos porcentuais con respecto ao ano 2007 e 16 con respecto a 2002.
As maiores porcentaxes de uso do ordenador danse nos grupos de idade de 5 a 19 anos e de 20 a 29 anos, onde perto de 8 de cada dez rapaces/as e mozos/as galegos comprendidos nestas idades utilizaron o ordenador no último mes.
Os usuarios frecuentes, é dicir, os que empregan o ordenador diariamente, menos 5 días á semana, supoñen o 56,6%. Estes usuarios son aproximadamente 695 mil persoas.
A telefonía móbil
Segundo indica o IGE, no ano 2008 sete de cada dez galegos de 5 ou máis anos utilizou o teléfono móbil, cifra moi superior á rexistrada no ano 2002, que se situou no 42,5%.
Por grupos de idade, o 28,5% dos rapaces galegos de entre 5 e 14 anos utilizan o teléfono móbil. Entre os 15 e os 39 anos, a porcentaxe de persoas que o empregan supera o 90%, mentres que no grupo de idade de 65 ou máis anos esta porcentaxe non chega ao 30%.
Os grandes concellos
En 2008, a metade dos fogares do concello da Coruña (50,4%) conta con conexión a Internet. A continuación, séguenlle os concellos de Pontevedra e de Santiago de Compostela cun 45,1%
No Concello da Coruña o 56,2% da poboación maior de 5 anos conectouse a Internet nos tres últimos meses, 15,6 puntos máis que no conxunto de Galicia. No tocante ás compras por Internet, o 11,9% dos cidadáns coruñeses maiores de 16 anos realizaron algunha compra por este medio nos tres últimos meses. En Ourense esta porcentaxe acada o 6,5%, coma no conxunto do país (6,4%).
Entre os sete grandes concellos, o da Coruña e Lugo son os que contan cunha maior porcentaxe de persoas que usaron o ordenador no último mes (un 58,6% e un 57,2%, respectivamente). Doutro lado está o concello de Ourense cun 50,5%. Estes valores son maiores que os do conxunto de Galicia, onde a porcentaxe de persoas que usaron o ordenador no último mes acada o 44,9%. Os de Coruña e Lugo son os concellos que contan cunha maior porcentaxe de persoas que usan o teléfono móbil (77,8%).